Coches a domicilio: a reinvención dun concesionario de automóbiles para manter as vendas
O 15 por cento dos clientes deste concesionario son da Estrada. O resto repártese por Caldas, Cuntis, Teo, Santiago e outros moitos concellos desde os que agora non poden desprazarse. Xa notaron a baixada en novembro, cando A Estrada foi perimetrada con Lalín e Silleda. Así que fixeron propio o refrán de Mahoma e a montaña e tomaron a iniciativa.
Explícao un dos copropietarios deste establecemento, Jacobo González: "Temos concellos lindeiros que son moi importantes en vendas para nós e non poden vir, entón decidimos desta volta levar á casa dos clientes os coches, que os vexan, que os proben, igual que no concesionario pero no seu domicilio".
O mercado automobilístico non foi alleo á crise derivada da pandemia e durante o ano pasado sufriu unha forte caída de vendas, aínda que no sector de vehículos usados non foi tan acusada como no de novas matriculacións. Iso, máis que botar atrás estes empresarios, animounos a explorar novas vías de achegamento aos clientes e hoxe mesmo estrean este novo modelo de coche a domicilio. O socio de Jacobo, Antonio Cambia, espera pechar hoxe unha venda na casa de Javier, un cliente de Teo ao que lle van levar un vehículo á súa casa.
Unha vez hixienizado o vehículo, diríxense con el ata a residencia deste cliente, con quen parece que vai a haber a posibilidade de pechar a primeira venda na porta da casa.
"Doutra maneira eu non podería ver o coche, e así téñoo na miña casa", explica.
Son, polo tanto, novos tempos tamén para o mercado do automóbil, obrigado a reinventarse con estratexias innovadoras para moverse en tempos de pandemia.