CRTVG

Buscar

A comunidade científica augura a chegada inevitable dunha cuarta vaga

Publicado o 02/04/2021 14:18

A incidencia da covid en España segue subindo nestes días festivos de Semana Santa e o risco é elevado. Melilla, Ceuta, Navarra e Madrid son as comunidades con máis incidencia. O xoves pola tarde o Ministerio notificou 7.000 contaxios novos e 82 mortes a causa da covid.

Navarra e Madrid seguen á alza e liderando o ranking da incidencia acumulada en España. En Navarra superan os 300 casos por cen mil habitantes; Madrid achégase ós 280. Pero tamén están en risco alto Aragón, A Rioxa, Euskadi, Asturias, Castela e León e Cataluña, que experimentou nas últimas horas un aumento da velocidade de propagación.

Así as cousas, cada vez está máis claro entre a comunidade científica que o impacto da chamada cuarta onda será inevitable e que se notará nas vindeiras semanas.

"En calquera momento pode producirse un gromo importante en calquera zona e iso pode desencadear esa famosa explosión de transmisión. As tendencias son preocupantes porque están subindo e claramente veremos o impacto nos vindeiros 10 ou 14 días", explica Quique Bassat, epidemiólogo do Instituto de Saúde Global de Barcelona.

Autoridades sanitarias e expertos instan a ser responsables sobre todo estes días festivos, para evitar o que pasou coas vagas anteriores.

"Non somos bos seguindo medidas de prevención cando estamos en tempo de ocio ou vacacións. Creo que é ilusorio pensar que imos facer mellor as cousas agora ca en vagas anteriores. Ser moi conscientes tamén de que non bastan estas medidas para frear unha vaga que está subindo", afirma Quique Bassat.

Con todo, a incidencia baixou en seis comunidades. Tamén en Ceuta e Melilla. O maior descenso, de máis de dez puntos, é o de Andalucía. A Comunidade Valenciana é a que ten o índice máis baixo, 28 casos de incidencia acumulada a 14 días.

Noticias web

02/04/2021