CRTVG

Buscar

Pechan os recintos de vacinación masiva co 92 % da poboación diana inmunizada

Publicado o 02/10/2021 21:40

Este mediodía pecharon as súas portas o Recinto Feiral de Pontevedra e o IFECO en Coruña, os últimos recintos para as vacinacións masivas que aínda funcionaban. Nestes grandes espazos puxeron o 85 % do total das doses administradas en Galicia desde marzo.

Co 92 % da poboación diana inmunizada, comeza unha nova etapa nos hospitais galegos, a da captación das 150.000 persoas non vacinadas e a da terceira dose.

No IFECO estaban programadas 400 citas para a derradeira mañá de vacinacións. Aquí puxeron, desde o 13 de marzo, 662.000 doses das distintas vacinas anticovid. Nun día chegaron ás 12.000 unidades.

Matías, un neno de doce anos, converteuse este sábado no derradeiro vacinado da área sanitaria da Coruña no seu recinto feiral. Despois, contra as dúas e media, o equipo sanitario debuxaba unha foto de familia antes da despedida.

O Fexdega de Vilagarcía e o Recinto Feiral de Pontevedra tamén tocaron á mañá do sábado os derradeiros compases. En Pontevedra estaban chamados 1.300 galegos para recibir unha segunda dose.

E antes de baixar a persiana, a mesma imaxe do IFECO agora en Pontevedra. A familia das vacinacións do Recinto Feiral déixase retratar para a historia polos medios.

O Sergas chamará unha por unha as persoas que aínda non teñen ningunha dose posta para intentar que finalmente reciban a vacina. De aceptaren, xa serían convocados nos hospitais de referencia das sete áreas sanitarias galegas.

Noticias web

02/10/2021