Os altos niveis de vacinación permiten levantar restricións aos non conviventes
A partir deste sábado, ás cero horas, levántanse as restricións ás reunións de non conviventes que estaban vixentes desde finais de xullo.
A decisión foi aprobada polo comité clínico en base a unhas incidencias medias que se sitúan xa por baixo de 100. Pero a medida está sustentada sobre todo nos datos da vacinación. Galicia acaba de superar o 81 % da poboación total vacinada.
As reunións de non conviventes en domicilios volven o sábado a estar permitidas con carácter xeral en toda Galicia. A única restrición numérica que se mantén será nos locais de hostalería, que amplían de 6 a 8 as persoas que poden compartir mesa en interiores, e de 10 a 15 os que poden sentar xuntos nunha terraza.
A nova norma -lembran os expertos en Saúde Pública- non debe eximir de manter precaucións. Advirten da importancia de manter unha ventilación adecuada agora que se achega o outono e volverán ocuparse máis tempo os interiores.