CRTVG

Buscar

Ciudadanos debate se presenta unha moción de censura contra Torra

Publicado o 30/09/2019 13:07

Ciudadanos prepara unha moción de censura contra o presidente da Generalitat, Quim Torra, inda que non conta cos apoios necesarios no Parlamento catalán para que prospere. Nas últimas horas transcendía que cinco dos CDR detidos trataron de establecer unha canle de comunicación entre Torra e o ex-presidente Carles Puigdemont. 

Ciudadanos debaterá nas próximas horas, na reunión da súa executiva nacional, se presenta a moción de censura contra o presidente da Generalitat. A líder da formación en Cataluña, Lorena Roldán, explicaba nas últimas horas que toman esa decisión por deber e responsabilidade e ante a que chamou "semana negra do separatismo".

Lorena Roldán, presidenta do grupo parlamentario de Ciudadanos: "Temos o presidente da Generalitat non só esporeando e animando os comandos separatistas, senón tamén aplaudindo aquelas persoas que agora mesmo están en prisión preventiva por presunto terrorismo".

Tras o anuncio, o presidente do PP catalán, Alejandro Fernández, aseguraba a través de Twitter que se puxo en contacto con Roldán para preparar xuntos a moción e lembraba o Partido Popular de Cataluña que el xa propuxo presentala o pasado 16 de setembro.

Con todo, os dous partidos non sumarían votos suficientes para que prospere, só suman 40 escanos, lonxe dos 68 en que está fixada a maioría absoluta.

Mentres trascendía nova información sobre a investigación tras o arresto aos membros dos CDR que establece un suposto vínculo co Govern. Segundo reflicten os autos de prisión ditados polo xuíz da Audiencia Nacional García Castellón, cinco dos CDR detidos, pertencentes ao autodenominado Equipo de Resposta Táctica, reuníronse en secreto cunha irmá de Carles Puigdemont co obxectivo de intercambiar información sensible e abrir, supostamente, unha canle de comunicación segura entre o ex-presidente e Quim Torra.

Ante as insinuacións da súa connivencia cos CDR, onte o presidente da Generalitat respondía nun acto político fronte ao centro penitenciario de Lledoners.

"O independentismo choca coa violencia de xeito natural. Están intentando construír un relato falso a calquera prezo. Aquela violencia do 1 de outubro condenouna o Estado?", dicía Torra.

Desde Gavá, Barcelona, Pedro Sánchez lanzáballe esta advertencia ó Govern da Generalitat.

"Van dando leccións de democracia e non condenan a violencia. Se o independentismo volve crebar o Estatuto de autonomía, a poñer en cuestión e en risco o autogoberno de Cataluña, o Goberno de España con serena firme responderá para garantir a convivencia, a integridade territorial e a soberanía nacional do noso país", dicía o presidente do Goberno en funcións.

Noticias web

30/09/2019