Cs votará a favor da prórroga do estado de alarma tras un pacto co Goberno
O Goberno anunciou á primeira hora deste martes un acordo con Ciudadanos mediante o cal o Executivo se compromete a levar a cabo seis medidas propostas pola formación laranxa a cambio do seu voto favorable na sexta e derradeira prorrogación do estado de alarma, segundo informou Moncloa.
Este acordo, aseguran no Goberno, foi "froito da vontade de buscar amplos consensos entre as forzas parlamentarias, e permitirá consolidar a maioría necesaria para que o Congreso aprobe a prorrogación do estado de alarma".
Deses acordos detallan que:
• As medidas contidas no decreto que regula a última prórroga do Estado de Alarma para dar resposta á emerxencia sanitaria serán idénticas para toda España na recta final do confinamento, sen prexuízo da progresión sanitaria de cada territorio.
• Antes do 15 de xuño, o Goberno presentará un Real Decreto-lei que regulará, tendo en conta as achegas de Cs, a saída do estado de alarma para os territorios que a alcancen. Ademais, o Goberno analizará as reformas legais para establecer un mecanismo alternativo ao estado de alarma que permita a España protexerse ante eventuais rebrotes sen necesidade de recorrer de novo ao estado de alarma.
• Plan de Reactivación do Sector Turístico. Antes do 15 de xuño, o Goberno aprobará un plan de axudas para o Turismo e as súas actividades asociadas como restauración, hostalería ou actividades turísticas. O plan incluirá, como punto de partida, varias medidas para fomentar o turismo nacional e constará de 2.500 millóns de euros de liñas de avais ICO para garantir a liquidez do sector e de 151 millóns de euros en investimento na transformación e dixitalización do sector que incluirá o reforzo de destinos intelixentes e sostibles, e tamén programas de formación, capacitación e dixitalización para empresas, negocios e traballadores do sector.
• O Goberno comprométese a contar con todas as Comunidades Autónomas no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para analizar o marco xurídico necesario para garantir unha saída ordenada do estado de alarma e a xestión da pandemia. Ademais, o Executivo tomará en consideración as achegas de Cs.
• O Goberno comprométese a permitir aos contribuíntes e aos seus representantes relacionárense coa Axencia Tributaria a través de sistemas dixitais como a videoconferencia.
Con este acordo, din no Executivo, Ciudadanos e o Goberno de España ratifican a súa coincidencia en manifestar que é necesaria unha última prorrogación de 15 días do estado de alarma.