CRTVG

Buscar

PSA Citroën aposta pola versión eléctrica dos seus modelos

Publicado o 02/04/2019 20:50

A fábrica que o grupo francés ten en Vigo leva xa tempo preparándose para fabricar coches eléctricos, mentres manteñen tamén as liñas de produción dos vehículos de combustión fósil. A dirección xa anunciou que a partir do ano que vén van empezar a sacar os seus primeiros modelos eléctricos, arrancando cun todo camiño de Peugeot ata completar todo o catálogo. Di a empresa que estes vehículos terán unha autonomía de 340 quilómetros e unha potencia de 136 cabalos. Ademais, tamén sondan alianzas con outras compañías automobilísticas. Alguns medios apuntan a que xa abriron negociacións con Fiat.

Segundo a compañía Bloomberg, o grupo PSA e Fiat manteñen conversas para crearen unha superplataforma onde desenvolver modelos eléctricos compartindo os custos de investimento. Esta eventual alianza, aínda sen concretar, casa coa estratexia da compañía francesa, que acaba de anunciar que vai fabricar vehículos cen por cento eléctricos, a partir do ano que vén, nas tres plantas que ten en España: Zaragoza, Madrid e Vigo.

PSA aposta por plataformas modulares que lle van permitir ensamblar o mesmo coche en distintas versións: diésel, gasolina ou eléctrico, segundo a demanda. O primeiro en saír da factoría viguesa será o todo camiño 2008 de Peugeot, que se empezará a montar a finais deste ano, para despois seguir ampliando o catálogo. A planta de Vigo tamén vai empezar a fabricar unha furgoneta para Toyota. A multinacional xaponesa desvelará a súa imaxe a finais deste mes.

 

Noticias web

02/04/2019