CRTVG

Buscar

Citan uns 250 veciños para un cribado por un gromo no barrio lugués de Montirón

Publicado o 23/04/2021 13:31

A detección dun gromo de coronavirus con preto dunha decena de positivos no barrio lugués de Montirón chamou a atención das autoridades sanitarias, que decidiron realizar un cribado. Para lle pór freo ao foco, están a ser citados uns 250 veciños, aos que lles tomarán mostras para a proba PCR durante a fin de semana.

"Chamaron antonte o meu fillo e esta mañá chamaron a miña muller e dixeron que me ían chamar tamén a min. Chaman por separado. E imos acudir á cita". "Chamáronnos para ir facer a PCR mañá pola mañá, a min e o meu neno", confirman os veciños.

Segundo Sanidade, a decisión de realizar este cribado non obedece á envergadura do gromo, senón a outros factores. Sinalan que se trata dun barrio residencial, con moitas casas unifamiliares e cunha grande interacción entre os veciños.

"Aquí coñecémonos todos, pero creo que a xente se coida bastante e ten coidado". "Este é un barrio en que nos coñecemos todos, e entón a xente para a falar, aínda que eu vexo a todos por aquí coa máscara e tampouco vexo que a xente se achegue moito uns a outros". "Para ser o barrio como é, que tampouco é que sexamos tantos, son bastantes. O que pasa é que vén ao parque moita xente que non é de aquí. Tanto neste parque coma noutro arriba a certas horas hai moita xente que non é de aquí", comentan os residentes na zona.

As probas, destinadas a detectar positivos asintomáticos, realizaranse entre o sábado e o domingo no Covidauto habilitado no hospital Lucus Augusti de Lugo.

Noticias web

23/04/2021