Citan como investigado o exministro Jorge Fernández Díaz polo caso Kitchen
O xuíz da Audiencia Nacional atende a petición da Fiscalía Anticorrupción e imputa o exministro do Interior no marco da operación Kitchen.O maxistrado indica que resulta necesaria, útil e pertinente a comparecencia de Fernández Díaz como investigado.
O auto atribúelle ao Ministerio a dirección do operativo parapolicial para espiar a Bárcenas e coñecer se o extesoureiro do PP tiña documentos que puideran comprometer altos cargos do partido. Unha trama en que, di o xuíz, presuntamente Jorge Fernández Díaz participaba directamente.
A esta conclusión explica o instrutor da causa que chega polos audios do excomisiario Villarejo e pola documentación incautada. E engade que o pagamento con fondos reservados ao chofer de Bárcenas evidencia o coñecemento dos feitos por parte de mandos superiores do Ministerio.
Jorge Fernández Díaz terá que declarar como investigado o 30 de outubro. Un día antes está citado o número dous de Interior naquela época. Unha vez que compareza Francisco Martínez, o xuíz resolverá se cita a María Dolores de Cospedal e o seu marido tal e como pide a Fiscalía porque sospeitan que a exsecretaria xeral do PP tiña interese no operativo de espionaxe.
Tras coñecerse a imputación de Fernández Díaz o PP anuncia que lle abrirá un expediente informativo ao exministro que segue militando no partido.