CRTVG

Buscar

Cisne-Cangas, un derbi pola salvación

Publicado o 30/03/2021 20:32

Por esas carambolas do calendario, o derbi galego da Asobal preséntase coma decisivo para a salvación. "É un partido especial, é certo que para todos os xogadores de aquí da zona, que son practicamente a maioría nos dous equipos, pois si que é un partido especial", considera Nacho Noyano, adestrador do Balonmán Cangas. O presidente do Cisne, Santiago Picallo quere que o partido "sexa un pouquiño unha festa do balonmán galego".

Cinco puntos separan a Cisne e Cangas. Os dous equipos perderon. Os pontevedreses son pechacancelas e aínda non gañaron no que vai de 2021. Preguntámoslle a Pablo Picallo, xogador pontevedrés, se hai moita presión: "Nós pola nosa banda sabemos que era moi complicado dende o principio e eles levan xogando con isto moito tempo así que coido que neste sentido temos os dous presión e á vez non a temos", responde.

O Cangas cunha vitoria empataría co Sinfín, o equipo que marca a salvación. Pero os de Moyano non esquecen que na primeira volta o Cisne asaltou o Gatañal.

"Non estivemos á altura das nosas expectativas, eles foron bastante superiores especialmente a partir do minuto 25 máis ou menos e queremos demostrar que co traballo que vimos facendo dende entón o equipo medrou moito e temos moitas ganas de irmos alí e quedar cos dous puntos", lembra o técnico.

O Cisne leva 5 derrotas seguidas, pero un triunfo no derbi permitiríalle abandonar a última posición e encarar a recta final da temporada doutro xeito, segundo recoñece o presidente do Cisne. "Pensamos que se gañamos mantermos esa ilusión, esas opcións para tentar salvarnos", di Santiago Picallo.

300 afeccionados poderán acudir ao derbi galego. Os demais poderán seguilo este mércores ás 7 a través da nosa segunda canle.

Noticias web

30/03/2021