Ningunha morte en Galicia nunha xornada de suba lixeira dos casos en tres áreas

Durante este mércores non se rexistrou ningunha nova morte con Covid-19 nos hospitais galegos, polo que o total de vítimas mortais do virus na comunidade mantense en 615.
A última vítima, rexistrada este martes, foi un home de 72 anos que estaba ingresado no CHUVI e presentaba patoloxías previas.
Pola contra, aumenta lixeiramente o número de casos activos en tres áreas sanitarias. No conxunto de Galicia, a día de hoxe, o Sergas contabiliza 823 casos, 11 menos ca onte. Permanece estable o número de usuarios afectados nas residencias, 68 persoas, cinco menos e baixa ata 59, un menos, a cifra de traballadores destes centros afectados.
Por áreas sanitarias, a distribución é a seguinte:
• Vigo: 254 (+4).
• A Coruña: 205 (-2).
• Ourense: 107 (-14).
• Santiago: 143 (+6).
• Lugo: 54 (-4).
• Pontevedra: 38 (+2).
• Ferrol: 22 (-3).
Só hai 5 pacientes na UCI, 2 menos ca onte, e 49 en unidades de hospitalización, cun descenso de 3 respecto da xornada anterior. Un total de 769 (68) pacientes permanecen no seu domicilio. O rexistro de persoas que superaron a enfermidade reflicte xa 9.798 curados, 34 na última xornada.
O número de PCR realizadas, dez semanas despois da declaración do estado de alarma, é de 137.455, 1.485 nas últimas 24 horas.