CRTVG

Buscar

Cinco mozos feridos nunha colisión frontolateral entre dous coches en Vilasantar

Publicado o 27/06/2020 15:15

Susto en plena madrugada no concello de Vilasantar, preto da estrada que xunta Curtis e Melide, á altura da parroquia de Présaras. Sobre as seis da mañá un vehículo no que viaxaban cinco mozos veciños da Coruña suposamente invadía nunha curva o carril contrario, e acababa batendo contra outro turismo que circulaba no outro sentido.

A colisión foi moi forte e inicialmente pensouse o peor, xa que o coche no que viaxaban os mozos era antigo e presentaba serios danos na carrocería. Ao lugar achégaronse efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Curtis así como os Bombeiros de Arzúa, servizos de Urxencias e a Garda Civil de Tráfico. Unha moza tivo que ser excarcerada polos bombeiros. Ela e os outros catro ocupantes do coche foron trasladados ao hospital San Rafael da Coruña, con feridas de diversa consideración, a maioría leves.

O condutor do outro turismo, que recibiu o impacto, resultou ileso. A Garda Civil de Tráfico investiga se o accidente se produciu por un exceso de velocidade e se todos os ocupantes levaban posto o cinto de seguridade.



 

Noticias web

27/06/2020