CRTVG

Buscar

Cinco cidades do país acollen simultaneamente a Olimpíada Galega de Química

Publicado o 22/03/2019 19:44

Cinco cidades do país acolleron esta tarde, de xeito simultáneo, as probas da Olimpíada Galega de Química, dirixidas a alumnos de ensino secundario. Na cita académica houbo unha especial mención, nesta ocasión, para a táboa periódica de elementos químicos, por se celebrar o seu 150 aniversario.

Lugo é unha das cidades que acolleu a Olímpíada Galega de Química, que comezou cunha proba tipo test. A través desta cita académica, a Asociación de Químicos e o Colexio Oficial de Químicos de Galicia buscan os mellores alumnos nesta matería.  "Hai que facer un exame de química, cunhas cuestións, e logo hai unhas prácticas. Hai que poñer todo o aprendido nos dous cursos do bacharelato. A química gústame moito e non se me dá mal. Pon de referencia algo más ca actividades físicas e tamén hai que traballar un pouco o coco."

A Olimpíada Galega de Química é a decana deste tipo de probas no ámbito estatal. A súa finalidade é lograr que esta rama do saber sexa máis coñecida, ademais de estimular as vocacións entre as novas xeracións de estudantes. "Gústame moito a química. Aínda non sei se estudarei algo relacionado coa química, pero non me importaría. Non é que se valoren demasiado as ciencias dende xa hai anos, así que son necesarios este tipo de concuros para difundilas e que cheguen a máis xente."

Nesta olimpíada tivo un especial protagonismo a táboa períodica dos elementos químicos, pola celebración dos 150 anos da súa proposta á comunidade científica internacional.

Noticias web

22/03/2019