Cinco axentes quedan feridos en Lugo na detención dun mozo con varias ordes de busca e captura
A detención en Lugo dun mozo de 24 anos con varias ordes de busca e captura saldouse con cinco axentes da Policía Nacional feridos e danos dun coche patrulla. O detido, que se encontraba nun piso deste edificio da avenida da Coruña, estaba requirido pola Xustiza polos delitos de violencia contra a muller e quebrantamento de condena. Debido á violencia extrema que o arrestado usou contra os gardas, foi preciso reducilo á forza para introducilo nun coche, pero, unha vez dentro, rachou os cristais das xanelas.
"Unha vez que se presentan nese domicilio, atópano escondido nun armario, proceden a detelo e nesa detención xa demostra unha violencia esaxerada. Queda ferida unha compañeira, de maneira bastante importante, e outros catro compañeiros resultaron tamén feridos. Conseguen reducilo, e introducilo no vehículo policial, onde rebenta as dúas xanelas, primeiro a do lado esquerdo e despois a do dereito", explicou o voceiro da Policía Nacional en Lugo.
Ante a ollada de decenas de curiosos que se congregaron no lugar, os policías tiveron que inmobilizar o detido contra a beirarrúa. Finalmente, desprazouse unha ambulancia do 061 con persoal sanitario que lle administrou un sedante ao arrestado, que foi trasladado ao hospital Lucus Augusti para que recibise asistencia médica posto que tamén resultara ferido.
"Cando o vimos, xa estaba o rapaz no chan, reducido. Hai dous coches de policía, co cristal roto, e dous máis da secreta. Había catro policías e un tumulto de xente aí".
"Había moita xente amontoada vendo a detención. Botaron sobre media hora, e logo veu a ambulancia, porque el se lastimara dentro do coche da policía. Rompeu tamén o cristal do coche da policía, e veu a ambulancia porque se fixo dano el mesmo".
"Hai que sacalo do vehículo, vólvese reducir, intervén o servizo sanitario e xa se traslada ao HULA para tratalo do alto grao de excitación que tiña e mais das feridas que puido sufrir durante esas intervencións".
Tamén en Lugo, a Policía Nacional detivo outro mozo, de 30 anos, que conducía en sentido contrario pola rúa Betanzos, dun só carril. O coche era roubado e o condutor, que tiña o carné retirado, quintuplicaba a taxa de alcohol.