CRTVG

Buscar

Cidadáns británicos abandonan Portugal á carreira para evitar facer corentena

Publicado o 07/06/2021 16:05

O Reino Unido retirou a Portugal da súa listaxe de países seguros para viaxar. E esa decisión está a provocar unha fuxida masiva de británicos de volta á casa para evitar facer corentena á volta. Hoxe é último día que teñen para deixar Portugal sen ter que facer fronte a esas restricións.

Os que aterren xa dende mañá terían que facer unha corentena, e por iso esta fin de semana máis de 20 mil cidadáns británicos deixaron Portugal antes de tempo. A maioría volven dende o Algarve, pero tamén desde Lisboa e esta cidade do Porto, dende onde hoxe saen 5 voos cara ao Reino Unido. Este cambio de posición é unha auténtica catástrofe para os empresarios portugueses que fixeran contratacións e abriran instalacións que en moitos casos teñen que volver pechar. O Goberno luso cualifica de ilóxica a decisión de Boris Johnson.

O aspecto este luns do aeroporto de Faro do Algarve era a imaxe dun éxodo. Miles de turistas británicos que cambiaron os seus plans dun día para outro porque para o executivo de Londres, Portugal xa non é un destino seguro a pesar de que a incidencia é menor aquí que no seu país.

A maioría volve porque non pode permitirse facer corentena ao regresar, como un mozo que di que tivo que gastar 500 euros para volver antes de tempo porque ten que traballar.

O Goberno luso non entende esta decisión de Reino Unido que non se sustenta en ningún dato científico din. No aeroporto o enfado con Boris Johnson era notable pero a pesar de todo hai quen vai intentar volver, como di un home.

Os británicos son os que máis visitan Portugal, representan o 40 por cento da súa facturación turística anual.

Noticias web

07/06/2021