CRTVG

Buscar

Ciclistas insisten no respecto das normas e en que os condutores maiores pasen máis controis

Publicado o 29/04/2019 14:18

Un dos 3 ciclistas atropelados onte no Grove permanece ingresado no hospital Miguel Domínguez de Pontevedra. Este accidente causado por un home de 88 anos que fixo un xiro indebido volve poñer no foco a seguridade viaria dos ciclistas. Condutores e ciclistas deben coñecer e respectar as normas de circulación para que a convivencia duns e outros nas estradas sexa harmoniosa. Os ciclistas insisten na necesidade de habilitar carrís bici e beiravías que lles permitan circular sen entorpecer o tráfico, e inciden tamén na necesidade de que os condutores maiores se sometan a controis máis estritos para renovar o permiso de conducir porque están detrás de moitos destes accidentes.

A historia repetiuse onte: un condutor de 88 anos atropelou nesta estrada do Grove 3 ciclistas cando facía un cambio de sentido indebido. E non é a primeira vez que un condutor maior se ve implicado nun accidente deste tipo. A semana pasada coñeciamos o escrito da Fiscalía no caso do condutor de 89 anos que atropelou un grupo de ciclistas en Oia hai dous anos. Morreran dous e 11 quedaron feridos. O fiscal impútalle dous delitos de homicidio por imprudencia e 11 de lesións. Os expertos inciden en que a renovación de permisos de conducir a persoas maiores debería ser máis estrita.

Condutores e cilcistas están condenados a convivir nas estradas, e para que esa convivencia sexa harmónica, uns e outros deben coñecer e respectar unhas normas básicas de circulación.

Os ciclistas inciden na necesidade de implementar carrís bici e beiravías trasnitables de polo menos metro e medio que lles permitirían circular sen entorpecer o tráfico e con maior seguridade.

Noticias web

29/04/2019