CRTVG

Buscar

Chuvascos, nubes e temperaturas máis baixas para a fin de semana

Publicado o 09/04/2021 14:52

Deixamos atrás un mes de marzo privilexiado, tan seco e solleiro que ata marcou un fito histórico.

Juan Taboada, preditor en Meteogalicia, explícanos que este foi un mes de marzo "o máis seco na comunidade galega no que levamos de século XXI. O precedente anterior sería no ano 1997 e chama aínda máis a atención porque viña precedido dun febreiro que, con todo, fora o máis chuvioso".

E agora o que toca é a primavera, o tempo en que as masas de aire frío conviven coas de aire cálido que veñen do sur. Hoxe xa nos acompaña unha borrasca que traerá nubes e pola tarde tamén chuvascos, nalgúns puntos mesmo con tormentas.

"Xa estamos acostumados", mantén unha veciña de Santiago. "Na nosa terra un día afogas de calor e ao día seguinte tes que poñer outra vez a manta e a calefacción". É algo que estamos acostumados todos", asegura outra veciña de Compostela. 

O sábado teremos ceos grises e choivas intermitentes. O domingo entrará aire frío de zonas polares e descenderán considerablemente as temperaturas. Hai quen prefire que neste momento do ano o sol vaia e veña.

"Agradezo bastante que deixe un pouco de facer sol", asegura un estudante, "o feito de ter que estar pechado na casa ou na biblioteca e ver o sol fóra ás veces é un pouco desolador."

Na tarde do sábado cambian os refachos de vento e o domingo será cando se note con máis intensidade ese vento do nordés, o que contribuirá a aumentar a sensación de frío.

Noticias web

09/04/2021