Choque entre o Supremo e o Congreso polo escano de Alberto Rodríguez
O deputado de Podemos Alberto Rodríguez foi condenado a mes e medio de prisión por agredir un policía nunha manifestación, pero a pena podía substituírse por multa e inhabilitación.
Os letrados da cámara consideran que a renuncia ao escano só sería obrigada se tivese que entrar en prisión e non cando se substitúe por unha multa. E baseándose nese informe, a Mesa, con maioría de PSOE e Podemos, decidiu non retirarlle o escano. Pero o Supremo non está conforme, cre que o Congreso está reinterpretando a súa sentenza e pídelle á presidenta Batet que lle comunique cando vai comezar a inhabilitación do deputado de Podemos.
No Goberno queren quedar á marxe do debate. A oposición pide que se respecte a sentenza do Supremo e a inhabilitación. En Podemos falan de persecución e destacan que Rodríguez estaba manifestándose a favor de dereitos fundamentais. O seguinte paso agora é que a presidenta do Congreso lle responda ao Supremo se rectifican e inhabilitan a Rodríguez ou continúan co pulso ao tribunal.