CRTVG

Buscar

A China acusa os EUA de "manipular" co avivamento da teoría do laboratorio

Publicado o 27/05/2021 13:17
A China acusa os EUA de "manipular" co avivamento da teoría do laboratorio

A embaixada da China nos Estados Unidos acusa de "manipulación política" o avivamento da teoría de que a covid−19 se orixinou nun laboratorio de Wuhan. Un voceiro diplomático emitiu un comunicado tras o anuncio de que Joe Biden ordenara unha investigación ao respecto.

"Algunhas forzas políticas obsesionáronse coa manipulación e o xogo de culpas e ignoraron a urxente necesidade do seu pobo de combater a pandemia e a demanda internacional de cooperación nesta fronte que provocou a tráxica perda de moitas vidas", indica no texto.

A legación chinesa denuncia que "a campaña de difamación e culpabilización está a regresar, e a teoría da conspiración da ‘fuga do laboratorio’ está a rexurdir".

"Mentres a pandemia segue causando un gran dano no mundo e a comunidade internacional agarda unha maior cooperación entre países, algunhas persoas recorren ao seu vello manual. Non podemos deixar de preguntarnos: Abandonaron esa amarga lección tan pronto? Ou queren ver repetidas as traxedias?", sostén.

Esta é a primeira reacción de Pequín tras a decisión do presidente estadounidense de pedir un informe aos servizos de intelixencia do país sobre a orixe da covid−19, para entregar nun prazo de 90 días.

A teoría do laboratorio toma forza

Joe Biden respondeu deste xeito ao regreso das especulacións que sitúan a xénese da pandemia nun laboratorio de Wuhan (na China) e que gañou enteiros nos últimos días.

Un informe da intelixencia dos EUA, publicado polo xornal The Wall Street Jounal, destapa supostamente que varios membros do Instituto de Viroloxía de Wuhan enfermaron en novembro de 2019 e foron hospitalizados.

"Pedinlle á comunidade de intelixencia que redobre os seus esforzos para recompilar e analizar información que poida achegarnos a unha conclusión definitiva, e que me informe en 90 días", dixo Biden este mércores.

O mandatario detallou que dous dos servizos de intelixencia do país se inclinan cara á orixe do contacto humano cun animal infectado, mentres que un terceiro apunta á idea do laboratorio.

Noticias web

27/05/2021