Chegan máis de 70.000 peregrinos no que levamos de ano xacobeo
O Camiño de Santiago neste Ano Santo segue a albergar unha boa afluencia de peregrinos. De feito, ata o de agora, chegaron a Compostela máis de 70.000. Unha cifra que foi mínima nos primeiros meses, pero que colleu pulo en xullo e agosto.
Explica Segundo Pérez López, delegado de Peregrinación da catedral de Santiago, que na última fin de semana do 15 de agosto houbo uns dous mil peregrinos por día. Menos que en anos anteriores e menos tamén estranxeiros. Pero iso si, este ano aumenta a chegada de peregrinos vidos de distintos puntos do territorio español, sobre todo de Cataluña e Andalucía.
"Neste caso, polo que nos ocupa nestes momentos, principalmente de España pero relacioneime tamén con italianos, portugueses, franceses, alemáns... Con xente de Europa, moita", explícanos un peregrino que acaba de chegar a Compostela.
Sexan de onde sexan e os motivos polos cales deciden facer o Camiño de Santiago, o certo é que a meta sempre é esta, a catedral, para todos os peregrinos.