CRTVG

Buscar

Chegan ao mercado 35 toneladas de pemento de Oímbra

Publicado o 23/09/2021 20:56

A produción deste ano na Indicación Xeográfica Protexida do Pemento de Oímbra é de 35.000 quilos, unha variedade moi apreciada polos consumidores.

Falar do pemento de Oímbra é falar de Benjamín Pardo. El é o único produtor amparado polo selo da indicación xeográfica protexida. Herdou a semente dos seus avós e fórona reproducindo de xeración en xeración ata afianzarse no mercado cunha produción de 35.000 quilos: "E dixen: se os meus avós podían vivir naqueles tempos, que non tiñan tractores nin nada, só tracción animal, por que non o vou facer eu?".

Cada ano planta unhas 25.000 pementeiras que alterna con outros cultivos para facer rotación e evitar unha saturación da terra. Aquí todo é manual e ecolóxico: "O ano seguinte voulle botar por exemplo nabos, que fixan o nitróxeno atmosférico á terra, o seguinte, cereal, e despois, fertilizante orgánico".

En Oímbra, quen máis e quen menos, bota pementos, pero a maioría para consumo doméstico. O selo da indicación xeográfica protexida é esixente. Require un control exhaustivo e uns estándares de calidade. "Desde a leira xa veñen seleccionados, pero aquí facemos outra selección por se escapa algún: non poden estar picados, nin con manchas, a pel lisa, a cor seleccionada...", explica Benjamín.

Xa os ten vendidos antes da plantalos. Traballa cun único cliente que lle garante a recollida. Un seguro para seguir vivindo da súa paixón polo agro.

Noticias web

23/09/2021