CRTVG

Buscar

Chegan a Valencia os 21 estudantes galegos tras o seu confinamento en Mallorca

Publicado o 01/07/2021 17:01

• Viaxaron en barco nun grupo de 118 mozos, xunto rapaces de Andalucía e Madrid

• Volverán en autobús se volven dar negativo nos test

• En Galicia hai 157 casos relacionados co gromo mallorquino. Fan cribados en Lugo e Pontevedra para rastrexar contaxios

 

Chegan a Valencia os 21 estudantes galegos tras o seu confinamento en Mallorca

EFE

O transbordador en que viaxan 118 estudantes, entre os que hai 21 galegos, que foran confinados nun hotel de Mallorca tras o gromo detectado na illa entrou ás 16.45 de horas na bocana do Porto de Valencia e dirixiuse cara ao peirao de pasaxeiros, onde atracou puntual ás cinco da tarde.

Dous mozos máis quedaron en terra antes de subir ao buque tras daren positivo en antíxenos. 

O transbordador Sicilia, da navieira Baleària, trasladou este xoves a 77 estudantes andaluces e 20 madrileños, amais dos 21 galegos, que estiveron en contacto con compañeiros contaxiados, motivo polo cal permanecían en illamento nun hotel de Mallorca.

No barco viaxou tamén pasaxe ordinaria, aínda que os estudantes fixeron o traxecto illados en dous salóns do barco.

Varios dos estudantes mostráronse expectantes á súa chegada a Valencia ao comprobar desde as cubertas o dispositivo de seguridade que lles esperaba e o gran número de medios de comunicación. Autobuses dispostos polos seus respectivos Gobernos rexionais (7 de Andalucía, un de Galicia e 1 de Madrid) entraron a partir das 17.35 horas no buque para proceder ao desembarco dos estudantes, que non se completou ata unha hora despois, xa que se realizou baixo unha intensa vixilancia policial e de forma separada do resto da pasaxe. 

Tras abandonar o barco en autobuses, foron trasladados a unha zona medicalizada habilitada pola Conselleria de Sanidade valenciana no interior das instalacións portuarias para facerlles un test de antíxenos, que é voluntario, aínda que as autoridades sanitarias explicaron que se esixirá unha declaración responsable a quen opte por non someterse á proba.

Fontes da Generalitat indicaron que, en principio non se van a ofrecer datos dos resultados destes tests, xa que hai menores entre o grupo de estudantes e ademais a realización das probas corre a cargo das distintas autonomías

Unha vez finalice este proceso, regresarán ás súas respectivas comunidades autónomas nos autobuses dispostos para iso. A Xunta de Galicia enviou tamén unha ambulancia por se houbese que facer algún positivo. 

A espera da chegada destes mozos, e das probas que se lles van realizar, nestes momentos hai en Galicia 157 casos confirmados co gromo causado en Mallorca relacionado con viaxes de fin de curso.

Confirmados 80 contaxios entre os confinados

Nas últimas horas un número indeterminado dos preto de 300 estudantes que foron confinados por orde do Govern balear abandonou a illa. Tense constancia de que un total de 80 estudantes procedentes da Península, seis máis que onte, seguen confinados no hotel covid de Palma tras dar positivo nas probas diagnósticas, segundo a Conselleria de Saúde balear. Destes 80 estudantes, 16 permanecen ingresados no Hospital Universitario de Son Espases por presentar síntomas leves por mor da covid-19 e outros 64 positivos están illados no hotel medicalizado Palma Bellver, situado no emblemático paseo Marítimo da capital balear