CRTVG

Buscar

Chegan a Galicia os navegantes rusos que están dando a volta ao mundo nun trimarán a vela

Publicado o 25/08/2021 15:46

Case dous meses de travesía para chegar de San Petesburgo á Coruña, o primeiro porto galego en que tiñan previsto facer escala de non ser por unha avaría na estrutura do barco que os obrigou a facer parada no Vicedo. Na Coruña tiñan unha recepción oficial e non quixeron faltar á cita aínda que tiveran que achegarse por terra. Alí foron recibidos entre outras autoridades polo cónsul honorario da Federación Rusa e alí contáronnos os esforzos para poder chegar.

"Non tivemos tempo para probalo porque recibiron o barco un día antes de comezar a viaxe", explica Evgeny Kovalesvsk, quen lidera a expedición.

Contaron que o trimarán é único, construído especialmente para esta volta ao mundo que vai durar 2 anos e en que pretenden percorrer 60.000 quillómetros seguindo as rutas marítimas que descubriron os navegantes rusos do século XIX no seu periplo cara ás colonias que tiñan no continente americano.

Contan tamén que pasaron moito frío e que ao ser só dous tripulantes organizaron quendas cada tres horas e apenas tiveron tempo para durmir. Con todo, están intentando facerlle uns arranxos ao trimarán antes de comezar a travesía polo Atlántico.

Se se cumpren as previsións, mañá sairán do Vicedo e pretenden chegar a Lisboa co trimarán perfectamente listo.

 

Noticias web

25/08/2021