Chegan a España as máis de 350.000 vacinas de Pfizer que deberon entregarse este luns
O Goberno anunciou á primeira hora deste martes a chegada a España das 369.525 doses da vacina de Pfizer contra a covid-19 que sufriron un atraso na súa entrega -prevista para este luns- debido a un problema loxístico da compañía farmacéutica.
Desde Moncloa explicaron de madrugada que os envíos previstos da vacina de "xa chegaron ou están a piques de facelo aos aeroportos españois de Madrid, Barcelona, Vitoria, en primeiro lugar, e despois a Valencia e Sevilla. Neste último, a aterraxe estaba prevista ás 8:00.
Tras a chegada dos voos e a repartición para cada comunidade autónoma, a vacina distribuirase para que comece hoxe a vacinación masiva en España, despois de que as primeiras doses se inxectasen o domingo pasado.
Do mesmo xeito que ocorreu durante a fin de semana, o Exército encargarase de levar as vacinas ás Baleares, Ceuta e Melilla. As doses xa chegaron ás illas Canarias, aos aeroportos de Gran Canaria e Tenerife Norte. Fixérono mediante un envío directo organizado polo Ministerio de Sanidade.
A compañía comunicou a última hora do domingo ao Ministerio de Sanidade que se pospoñía un día a entrega a España da remesa de vacinas comprometidas por un "atraso dos envíos" desde a súa fábrica de Puurs (Bélxica) a oito países europeos, incluído España, "debido a un problema no proceso de carga e envío".
O Goberno lanza unha páxina web para resolver dúbidas sobre a vacinación
O Goberno lanzou unha páxina web (www.vacunacovid.gob.es) para resolver as dúbidas da cidadanía sobre a vacinación contra a covid-19. Esta páxina facilita información oficial e actualizada sobre a estratexia de vacinación e resolve cuestións como os prazos de vacinación ou o funcionamento das vacinas.