CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE): "Xogamos unha Galicia de progreso fronte a unha Galicia cun proxecto esgotado"

Publicado o 29/06/2020 19:25
Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE): "Xogamos unha Galicia de progreso fronte a unha Galicia cun proxecto esgotado"

Gonzalo Caballero, candidato dos socialistas galegos, chegou algo antes das oito e media, e na súa intervención previa dixo que "o Partido Socialista é un partido que sabe gobernar en concellos, en España, e o 12 de xullo xogamos o futuro que queremos. Xogamos unha Galicia de progreso fronte a unha Galicia cun proxecto esgotado. Xogamos unha Galicia liderada polo Partido Popular ou unha Galicia liderada polo Partido Socialista.

"E nós pensamos que nunha crise coma esta non é o mesmo que goberne a dereita á que goberne a esquerda. Necesitamos políticas progresistas para defender os servizos públicos, a sanidade pública, o estado do benestar, e tamén para facer unha nova política na reconstrución en que ninguén quede na cuneta", explicaba o candidato do PSdeG.

"Con todas as ganas e con todo o impulso, gustaríanos que houbese máis debates aquí na tele pública, cara a cara co presidente da Xunta, mais Feijóo e o Partido Popular que dirixen o ente teñen marcada outra axenda, a nosa sería distinta e, desde logo, estamos cos Venres Negros e defendendo sempre a Galega, gustaríannos máis debates e máis programación electoral, porque estamos nunha crise moi profunda e gustaríanos dicirlles a todos os galegos e galegas que temos un proxecto para o benestar, para a igualdade, para o emprego e dicirlles a todos os galegos e galegas que somos o cambio en que poden confiar", rematou Caballero.