Chega unha fronte pouco activa, pero que deixará chuvia hoxe en Galicia
A paréntese de tempo primaveral péchase, porque no panorama meteorolóxico temos cambios á vista. Dinnos en MeteoGalicia que xa está aquí unha fronte.
Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia: "Non é moi activa, pero abonda para deixar o ceo xa moi anubrado en toda a fachada atlántica e haberá precipitacións. Serán máis probables na segunda metade do día. Comezarán polo litoral atlántico e xa pola noite iranse estendendo a toda a comunidade. As temperaturas tamén están hoxe en descenso, respecto a días pasados, aínda que seguen suaves e mesmo en valores altos para esta época do ano, ente os 15 e os 17 graos.
Para a xornada do sábado, os remanentes da fronte quedarán nas primeiras horas e aínda teremos algunha chuvia moi feble no leste de Galicia, pero progresivamente durante o día de mañá irá mellorando, con apertura de claros e a tarde xa quedará caraterizada por tempo seco e solleiro.
E o domingo quedamos na que é a situación que imos ter nos seguintes días da vindeira semana, que é unha circulación de oestes; vento que achegan masa de aire húmida cara a Galicia, polo que teremos un día moi anubrado, con precipitación tipo orballo, moi febles e sempre máis probables canto máis ao oeste. E esta situación vaise repetir durante varios días da vindeira semana".
As temperaturas máximas van ter un lixeiro descenso, pero a oscilación térmica respecto ás mínimas non vai ser moi ampla.