CRTVG

Buscar

O Manuel Laura chega ao porto de Vigo cun positivo por covid a bordo

Publicado o 03/08/2021 21:07

O pesqueiro galego Manuel Laura chegaba ao porto de Vigo a primeira hora da tarde deste martes. Entre a súa tripulación detectouse un caso de covid cando arribaron á costa suroeste de Irlanda. Decidiron volver ao seu porto base logo das dificultades que tiveron para conseguir atención sanitaria naquel país. 

Unha vez en en Vigo, o primeiro en ser trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro foi o mariñeiro que deu positivo en Irlanda. Outros nove chegaron con síntomas. Segundo confirmaron fontes sanitarias, á maioría están a facerlles as probas a bordo do pesqueiro. Remata aquí unha odisea de anguria, porque, segundo contan, logo de confirmarse o positivo en Castletown, as autoridades locais desentendéronse deles.

O pesqueiro ten base en Vigo e bandeira británica e estaba a descargar a súa primeira marea, xa que a campaña acababa de comezar. Non tiñan previsto regresar ata setembro. O caso podería constituír un incumprimento da normativa sanitaria internacional.

Todos os mariñeiros, dos que sete son galegos de Cangas, Marín, Nigrán, Pontevedra, Ribeira e Vigo, foran vacinados antes de partir cara ao Gran Sol no Manuel Laura.

Noticias web

03/08/2021