CRTVG

Buscar

Chega a Madrid o segundo avión con 110 evacuados españois e afgáns

Publicado o 21/08/2021 12:16

• Un terceiro avión español aterra en Dubái con 110 civís afgáns

Un terceiro avión militar de transporte español aterrou este sábado en Dubái, procedente de Cabul con 110 persoas a bordo. Os evacuados proseguirán desde o emirato o seu camiño cara a base de Torrexón de Ardoz en Madrid que se converteu na porta de entrada para os refuxiados antes da súa distribución polos países comunitarios.

A lentitude nas operacións de evacuación ten como obxectivo evitar o enfrontamento cos talibáns e os civís apiñados na entrada do aeroporto, conforme fontes da OTAN que cita a axencia Reuters.

O segundo avión fretado por España para evacuar a españois e afgáns do país asiático aterrou pouco despois das oito e media da tarde na base aérea militar de Torrejón de Ardoz (Madrid) con 110 persoas, entre elas tres familias completas de persoal da Embaixada.

O grupo saíu de Cabul á primeira hora desta mañá a bordo do avión A400 M das Forzas Armadas que aterrou en Dubai (Emiratos Árabes). Alí os repatriados cambiaron de aeronave para subirse a unha civil fretada polo Goberno e que despegou dos  emiratos ás 13.45 horas.

Entre eles hai tres familias completas que traballaron para a embaixada española durante os últimos anos, e tamén a capitá da selección afgá de baloncesto en cadeira de rodas, Nilofar Bayat.

Xa na base de Torrejón, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, recibirá a todo o grupo a pé de pista, onde fará unha breve declaración pública. Os refuxiados afgáns serán conducidos directamente ao campamento provisional onde se aloxarán inicialmente, do mesmo xeito que se fixo co anterior grupo de evacuados que chegaron a madrugada do xoves.

O campamento de Torrejón, con capacidade para unhas 800 persoas, é a porta de entrada para os refuxiados que logo van ser distribuídos polos países europeos. Ata o momento, en España unha ducia das persoas solicitaron información pediu protección internacional. 

Este é o segundo voo de repatriación fretado por España, aínda que na base aterraron outras dúas aeronaves, a última delas esta mesma tarde e procedente de París con 38 pasaxeiros, familias afgás que colaboraron con institucións europeas

Noticias web

21/08/2021