CRTVG

Buscar

Chega a España o avión con 260 afgáns evacuados, entre os que se atopan 14 bebés

Publicado o 23/08/2021 19:13

Un avión de Air Europa aterrou ás 18:50 horas desta tarde da base aérea de Torrexón de Ardoz con 260 afgáns evacuados, dos que 55 son menores e 16 anciáns. Entre os pasaxeiros menores hai 14 bebés, segundo detallaron fontes do Ministerio de Migracións.

A ministra de Defensa, Margarita Robles; a ministra de Sanidade, Carolina Darias, e o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, van recibir a pé de avión os cidadáns afgáns que colaboraron con España de diferentes formas. 

Con eles, son xa 826 os cidadáns afgáns evacuados por España, e aproximadamente a metade pediron asilo no país.

Hoxe, ademais, asinouse o acordo entre os gobernos español e norteamericano, polo cal España pon a disposición dos Estados Unidos as bases de Rota e Morón para acoller ata 4.000 colaboradores daquel país en Afganistán. Serán estancias de tránsito, por un máximo de tempo de dúas semanas. O Goberno di que o obxectivo é acelerar ao máximo a evacuación, porque a situación en Afganistán cada vez é máis límite.

Margarita Robles, ministra de Defensa: "Esta é unha operación de alto risco, o propio presidente Biden dixo que é das evacuacións máis difíciles da historia. Pero eu teño confianza no papel que están realizando as nosas forzas armadas. Pero, evidentemente, nunca se pode descartar o risco de que se produza un atentado".

José Luis Escrivá, ministro de Migracións: "A nosa intención é acoller o maior número de refuxiados que se poida durante os próximos días. E para iso estamos preparados e engraxando ao máximo o sistema, porque o que vén nos próximos días vai ser aínda máis do que xa acollemos".

 

Noticias web

23/08/2021