CRTVG

Buscar

Chega a Cabul o mulá Baradar, posible novo dirixente de Afganistán

Publicado o 21/08/2021 14:44

Esta segue sendo a situación arredor do aeroporto internacional de Cabul, con miles de persoas tratando de entrar como sexa, para subir a algún dos avións que evacuan ós cidadáns estranxeiros que residían en Afganistán. A situación segue sendo especialmente difícil e perigosa para os afgáns que colaboraron coas tropas internacionais, que teñen medo da vinganza dos talibáns.

Os Estados Unidos din que xa sacaron do país máis de trece mil persoas, e que teñen previsto rematar a operación de rescate o próximo 31 de agosto; varios aliados da OTAN pedíronlle a Washington que prolongue a operación de rescate para evacuar ó maior número posible de afgáns. A situación é especialmente perigosa para os locais acusados de colaborar cos invasores, ós que milicianos talibáns buscan nas suas casas ou nos controis instalados na cidade, segundo sinala un iniforme das Nacións Unidas.

Mentres segue a operación rescate, esta mañá chegou a Cabul o mulá Abdul Ghani Baradar, cofundador dos talibáns e xefe da oficina política que operaba desde Qatar. O mulá Baradar, do que fontes talibáns aseguran que será o próximo mandatario de Afganistán, chegou á capital para participar nas negociacións con dirixentes do anterior goberno e da oposición.

Líderes talibáns aseguran que queren un goberno inclusivo pero baseado na súa interpretación da sharía ou lei islámica. As promesas talibáns non son cribles para as mulleres afgáns, algunhas das cales manifestaron a súa protesta en Cabul, a cara descuberta.

Noticias web

21/08/2021