CRTVG

Buscar

O xurado declara culpable o policía que matou a George Floyd

Publicado o 21/04/2021 08:41

Derek Chauvin, o exaxente de policía acusado de matar o afroamericano George Floyd en maio pasado en Minneapolis (Minnesota) foi este martes declarado culpable dos tres cargos que afrontaba. Os membros do xurado decidiron de forma unánime que Chauvin é culpable de asasinato involuntario en segundo grao, penado con ata 40 anos de cárcere; de asasinato en terceiro grao, cunha condena máxima de 25 anos, e de homicidio involuntario en segundo grao, que carrexa ata 10 anos de privación de liberdade. 

Como non ten antecedentes penais, só podería ser condenado a un máximo de 12 anos e medio de prisión por cada un dos primeiros dous cargos e a 4 anos de cárcere polo terceiro. Os membros do xurado tardaron pouco máis de dez horas en deliberar ata alcanzar este veredicto, que leu, pasadas as catro da tarde en Minneapolis, o xuíz do caso Peter Cahill.

Ao anunciarse a culpabilidade de Chauvin, a cidade de Minneapolis reaccionou con xúbilo: sons de cláxon, berros de xustiza e aplausos. As máis de 600 persoas congregadas enfronte da sede do xulgado, que seguiron a retransmisión en directo nos seus teléfonos móbiles, abrazáronse e saltaron de alegría con cada cargo anunciado.

"Isto non é unha celebración, é só o primeiro paso. Isto é unha revolución!", gritou un dos manifestantes cun megáfono, co puño levantado.

Noticias web

21/04/2021