Chantada prepara unha nova festa do Folión de Carros
En Chantada están convencidos que para saber onde ir primeiro hai que saber de onde vimos. Por iso cada ano ten máis éxito o folión de carros. Nesta edición participan 12, todos tirados por xugadas. "Por iso encontramos nas representacións que hai enriba dos carros desde escenificacións agrarias como unha malla, lugares como a ermida do faro, casas labregas... Cobran especial importancia os apeiros. Eses obxectos que xa non se usan na actualidade", di Xavier Viana, da Asociación de Amigos do Folión de Carros.
O sábado á noite será o desfile polas rúas da vila. A festa reivindica a memoria colectiva, esa identidade común que se agocha nas rúas, nas tradicións ou na personalidade da xente. Estes días o traballo nas carrozas intensifícase. "Arredor de cada carro hai 30 ou 40 persoas. Hai máis que colaboran con apeiros e outras cousas. No mes de agosto, hai unhas 100 persoas en cada carro", di Manuel Vázqez, presidente da asociación.
Este ano homenaxéase o labor dos panadeiros. Cada carro empézase a pensar meses antes da festa. Despois buscan información, apeiros, os animais de tiro... E por fin, a construción, baseada en madeira e cartón.
"É un orgullo para a xente. Levámonos moi ben. Temos rapaces desde 10 anos ata 50. Xuntámonos e onte ás seis da mañá estabamos dez aquí", conta Roberto Osorio, un dos participantes no folión.
O Folión de Carros foi declarado festa de interese turístico galego en 2002. Agora loitan por conseguir que sexa declarada de interese nacional.