CRTVG

Buscar

Chantada pasará a nivel medio por novos gromos vencellados con festas

Publicado o 23/04/2021 14:39

A tranquilidade dos centros educativos de Chantada viuse alterada nos últimos días, porque arestora todos contan con algún caso positivo, pero a situación máis preocupante está entre os alumnos de secundaria. Foron aparecendo contaxios entre os mozos e os gromos semellan estar vencellados con varias festas, polo que o Sergas xa citou uns 70 alumnos para un cribado no pavillón do instituto.

"Coméntase que houbo unha macrofesta de aniversario dun exalumno onde asistiron universitarios, xente de bacharelato dos dous centros e tamén de 4º da ESO", sinala o director do IES Lamas das Quendas, Javier Conde.

Na vila critican que as xuntanzas son unha constante e non soamente entre a poboación máis nova. A repunta nos positivos fixo aumentar a incidencia acumulada e Sanidade acordou que o concello suba ao nivel medio.

Os cambios entrarán en vigor o luns. A ocupación da hostalería reducirase ao 30 % no interior dos locais e ao 50 % nas terrazas.

Noticias web

23/04/2021