CRTVG

Buscar

Chano Planas: "El e mais eu temos falado que a prata sería un accidente"

Publicado o 08/06/2021 14:24

O adestrador coruñés preparou a Enmanuel Reyes para os xogos olímpicos

Chano Planas, o adestrador que o guiou na Coruña, lembra que a vida de Enmanuel Reyes nunca foi doada. Fuxiu de Cuba á busca dun futuro. España era, para el, "El Dorado". E chegou, non sen antes pasar multitude de penurias en Rusia, Austria e Alemaña.

"Estivo en campos de refuxiados. Chamounos dende un deles. Viu o seu tío a falar con nós, non nos coñecíamos. Estivo detido en Alemaña, estivo adestrando aquí seis meses sen papeis...", relataba Planas.

A día de hoxe, esa vida de película parece un mal soño. Planas destaca a total integración do boxeador na nosa contorna.

"De feito, sempre me insiste en que lle ensine máis palabras galegas, eu quero falar en galego. Cando lle fan unha entrevista intenta falalo, o outro día saía publicado a frase del de 'París falará galego, Toquio falará galego'".

Do talento de Reyes, nin unha dúbida. Desque acadou a nacionalidade está invicto e hoxe é o número tres do mundo. A Toquio, vai por todas.

"El e mais eu temos falado que a prata é un accidente, a nosa mentalidade é ir a pola medalla de ouro".

Ambición por todo o alto para un boxeador sen límites.

 

Noticias web

08/06/2021