Chaman a doar sangue dos grupos 0- e A+
No verán non só diminúen, senón que se incrementan as necesidades de sangue, debido ao maior número de accidentes de tráfico. De aí que a Axencia de Doazón de Órganos faga habitualmente campañas estivais para incentivar a doazón. Nestes tres días, as unidades móbiles percorren unha trintena de concellos. Son necesarios, sobre todo, dous grupos sanguíneos.
"Necesítase, sobre todo, sangue do grupo 0-, que é o doador universal e o que se precisa en casos urxentes, e A+", indica Carlos Areal, xefe da área de Sangue da ADOS.
Sen esquecer a doazón de plaquetas, que é necesaria dunha forma estable durante todo o ano. A situación sanitaria fixo que se extremaran as medidas de precaución nos autobuses da axencia, onde se limitou máis o número de persoas que poden estar ao mesmo tempo dentro.
"As unidades son reducidas, e houbo que reducir as padiolas que poden ser empregadas dentro, o que puido ralentizar o volume de doazóns", explica Manuel Varela, médico da ADOS.
E a xente, segundo confirman desde estas unidades, responde. En Vilagarcía, por exemplo, a chegada de doadores e, sobre todo, doadoras, foi constante ao longo da mañá.
Para evitar que se concentre xente a axencia lembra que é necesario chamar por teléfono para pedir cita. Na web deste organismo e nas súas redes sociais pódese atopar toda a información dos lugares aos que van acudir as unidades móbiles. Ademais, hai instalacións fixas para doar nas sete principais cidades galegas.