CRTVG

Buscar

Certas proteínas poden provocar danos multiorgánicos que causa a covid-19

Publicado o 13/08/2020 14:53

A covid-19 afecta fundamentalmente os pulmóns pero en casos graves o dano pode estenderse ao corazón, ao fígado, aos riles ou ao sistema neurolóxico pero... por que razón afecta estes órganos e non outros? Un matemático español acaba de dar coa solución: un conxunto de 38 proteínas vulnerables presentes en 13 órganos e sistemas distintos que poden ser perturbadas por outras proteínas danadas polo virus no pulmón.

Ernesto Estrada, responsable da investigación e Investigador do Instituto Universitario de Matemáticas e Aplicacións da Universidade de Zaragoza, di que para activarse estas proteínas perturbadoras necesitan moverse dentro da célula de forma subdifusiva, como se fose un borracho dentro dunha multitude e que unha vez danadas polo virus son capaces de viaxar dende os pulmóns a outros órganos sen ser detectadas.

Tras este descubrimento abriuse unha nova liña de investigación de reposicionamento de fármacos que permitirían inhibir estas proteínas perturbadoras con combinacións de medicamentos que xa se empregaban para paliar algúns efectos da covid.

Ernesto Estrada, Investigador do Instituto Universitario de Matemáticas e Aplicacións da Universidade de Zaragoza, asegura que cunha combinación de catro fármacos poderían tratarse os efectos da covid-19 tanto nas proteínas coma nos órganos.

Unha boa nova pola que haberá que agardar, xa que antes de comezar cos ensaios clínicos esta nova liña de investigación ten que ser validada pola comunidade científica. A parte positiva é que estes fármacos xa están testados, polo que os ensaios clínicos deberían ser moito máis rápidos que no caso dos fármacos novos.


 

Noticias web

13/08/2020