CRTVG

Buscar

Ceo depexado e temperaturas primaverais en toda Galicia

Publicado o 02/02/2020 14:51

É un día de indumentarias contrapostas. Hai quen non precisa máis que unha camiseta e tamén quen opta por non quitar o abrigo. O responsable deste contraste téxtil é o vento, que disimula os dezanove graos de máxima cos que o inverno xoga a ser primavera.

"Vimos de dar unha volta polo paseo marítimo e sobran as chaquetas". "Tamén hai un pouco de vento. Ao final, se non chove dá un pouco igual".

Pero, malia o vento, estas temperaturas alleas a febreiro e o ceo despexado recíbense como un agasallo pasadío que hai que espremer mentres dure.

"Nótase moito. Eu que saio a correr non teño que ir tan abrigada, podo ir cunha camiseta de tirantes". "Estes días atrás foi moito frío. Agora está xenial para dar un paseo e aproveitar. É o mellor que temos". "Estase ben, pero volverá o frío segurísimo".

Durante os próximos días, as temperaturas mínimas baixarán, pero as máximas seguirán sendo altas e non se agarda chuvia ata o sábado.

Noticias web

02/02/2020