CRTVG

Buscar

Centos de usuarios seguen sen subministración eléctrica tras o paso do temporal

Publicado o 23/12/2019 19:45

A esta hora aínda hai uns mil clientes en Galicia que non teñen luz nas súas vivendas, os mais deles na provincia de Ourense.Son os últimos restos do paso do Daniel, Elsa e Fabien, tres temporais consecutivos que acaba de padecer Galicia e que o sábado á noite chegaron a deixar sen electricidade 78.000 fogares. Entre os máis prexudicados están os veciños do rural, que é onde máis está tardando en restablecerse a subministración.

Regatos convertidos en fervenzas, operarios despexando as estradas, fendas nas vías como esta de Muíños e árbores caídas por riba dos cables do tendido eléctrico. A pegada do temporal é máis ca evidente en moitas zonas da provincia de Ourense. A aldea de Riobó no concello de Cenlle está sen luz dende o sábado, e dnde onte tamén sen auga: a falta de electricidade impediu o bombeo de auga dende o Miño.

Malia que algunhas das avarías puideron resolverse ao longo da mañá, a primeira hora 3.700 dos 4.600 usuarios que non tiñan luz en Galicia, eran veciños da provincia de Ourense.

Dende o pasado 9 de decembro a precipitación acumulada na demarcación Miño Sil foi de 280 litros por metro cadrado de media. Entre un 50 e un 60 por cento máis do normal para estas datas. A día de hoxe o río Sil en Valdeorras e o Miño en Ourense seguen en prealerta. Niveis e caudais son elevados nos ríos de toda a provincia, pero tenden a diminuír.

Dende a Confederación Hidrográfica Miño Sil advirten que malia que a situación vai ir mellorando de xeito progresivo o longo da semana, cómpre extremar a precaución e non achegarse de non ser preciso o cauce dos ríos.

Preto de 2.500 vivendas da provincia de Lugo quedaron sen luz durante a fin de semana por causa do temporal Fabien. Esta mañá aínda había problemas coa subministración en núcleos rurais de Friol, Palas de Rei, Guntín e Castroverde, cun total de 900 inmobles afectados. A caída de árbores e pólas sobre a rede eléctrica debido ao forte vento foi a causa dos cortes da corrente.

Nunha vivenda do Pacio, en Friol, estiveron dende o sábado pola tarde ata ben entrada esta mañá alumeándose con candeas polas avarías na rede eléctrica que os deixaron sen subministración. E noutra explotación gandeira foi preciso utilizar o tractor como fonte de enerxía do grupo electróxeno para poder muxir as vacas e arrefriar o leite.

Son as consecuencias do temporal Fabien na zona onde conflúen os concellos de Friol, Guntín e Palas de Rei, onde o forte vento derrubou torres e arrincou cables. Ata este mediodía permaneceron sen servizo eléctrico 900 vivendas nas parroquias desta parte da provincia de Lugo. Na fin de semana chegaron a 2.500 os fogares afectados.

Por causa da falta de corrente, tamén houbo problemas coas liñas telefónicas. En moitos fogares estivo en risco de perderse o contido dos arcóns conxeladores que, nestas datas, gardan os produtos da matanza. Segundo os veciños, dende o furacán Klaus, en 2009, non se produciran cortes de tanta duración. No sur da provincia, en Sober, segue habendo tres parroquias afectadas e as liñas aínda non puideron ser reparadas.

 

Noticias web

23/12/2019