CRTVG

Buscar

Centos de persoas marchan na Coruña contra o ERTE na refinería de Repsol

Publicado o 16/04/2021 17:12

Máis tres centenares de persoas participaron este venres nunha manifestación na Coruña para expresar o seu rexeitamento ao expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) anunciado por Repsol para a refinería coruñesa.

A marcha, secundada principalmente por empregados do centro, comezou ás 15.00 horas na entrada das instalacións, para continuar en dirección a Arteixo ata a rotonda do núcleo de Meicende e regresou ata o punto de partida.

Con cánticos como "é unha estafa este ERTE", os asistentes protestaron despois de coñecerse o pasado 8 de abril a intención de Repsol de aplicar o ERTE "por causas produtivas" a 212 traballadores do complexo (o 31 % do persoal) durante un período de seis meses.

En declaracións a Efe, o presidente do comité de empresa da refinería, Jacobo Naya, detallou que este venres comezou a mesa de negociación, na que a empresa lles trasladou a información legal para estudar o ERTE.

"Nós non estamos de acordo. Temos unha posición frontal de momento", subliñou Naya, que indicou que ao longo do próximos quince días terán dúas reunións semanais. "Vendo o indicio de que se está xa saíndo da crise e que na actualidade vai haber máis demanda non entendemos como agora a empresa nos expón este ERTE por sorpresa, despois do esforzo que realizaron os traballadores ao longo de todo este ano coa pandemia", remarcou.

Ademais, os empregados reclaman "máis investimento" na refinería para adaptarse ao novo marco normativo instaurado pola lei de Transición Enerxética, pois afirman que outros centros teñen investimentos previstos mentres descoñecen o futuro do coruñés.

"Queremos unha viabilidade para que isto poida seguir funcionando. Para iso, temos que facer unha serie de melloras", detallou o presidente do comité, que sostivo que "se non hai investimentos esta empresa non se vai poder manter".

Así mesmo, mostrou a súa preocupación polo futuro industrial da comarca da Coruña, na que empregados doutras compañías, como a planta de aluminio de Alu Ibérica, tamén piden solucións para manter os seus postos de traballo. "O problema que temos é que parece que non se está apoiando á industria da Coruña e as empresas están a pechar. Se continuamos así, pouco vai quedar aquí", destacou.

Neste sentido, lamentou que "se vai desaparecendo o tecido industrial, desaparece todo o demais", empezando polas contratas ou os empresarios que teñen negocios nos polígonos industriais, dixo.

A manifestación foi apoiada polos sindicatos CCOO, UXT, CIG, STR e USO.

Os representantes dos traballadores reuníronse este xoves cos grupos parlamentarios do BNG e o PSdeG para pedir que insten á Xunta a traballar conxuntamente co Goberno central para que a compañía reconsidere a medida anunciada.

Ademais, asistiron á mobilización o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.