CRTVG

Buscar

Centos de detidos en Hong Kong no primeiro día de aplicación da lei de seguridade imposta por Pequín

Publicado o 01/07/2020 17:30

Miles de manifestantes congregáronse hoxe nas rúas de Hong Kong para protestar pola entrada en vigor da nova lei de seguridade nacional que A China promulgou para o territorio e que xa deixou as primeiras detencións por incumprila. Segundo a última cifra oficial compartida pola policía en redes sociais, máis de 300 persoas foron arrestadas durante a xornada de hoxe, das que nove o foron baixo o amparo da nova normativa.

As autoridades prohibiran, por primeira vez en 17 anos, a tradicional manifestación antigobernamental celebrada cada 1 de xullo, data en que se conmemora a retrocesión de Hong Kong de mans británicas a chinesas en 1997. Con todo, e a pesar da numerosa presenza policial -uns 4.000 axentes foron despregados- e a que as principais rúas foron acordoadas, moitos manifestantes desatenderon a orde policial e saíron a protestar, tal e como reclamaran usuarios dos foros en Internet do movemento prodemocrático hongkonés. Iso si, o número de participantes nesta protesta foi moi inferior ao rexistrado nas marchas do 1 de xullo doutros anos.

A policía emitiu varios comunicados lembrando que a marcha non estaba autorizada, reclamando aos manifestantes que se dispersasen e advertindo de que, de non atender esa esixencia, procederíase a levar a cabo detencións. Os antidisturbios empregaron camións con canóns de auga para tratar de dispersar os manifestantes, e tamén lanzaron botes de gas lacrimóxeno, mentres que os que protestaban levantaron barricadas.

O diario local 'South China Morning Post' informa, citando a fontes policiais, de que os axentes recibiron autorización para deter calquera persoa que porte bandeiras ou pancartas con eslóganes relacionados coa independencia, a liberación ou a revolución na cidade, que foron ilegalizados.

A xefa do Goberno local, Carrie Lam, afirmou que a culpa da radicalización de faccións do movemento prodemocrático é das autoridades da cidade, pero lonxe de tender unha man á conciliación, asegurou que o seu grande erro foi non aprobar a lei de seguridade nacional antes, tal e como esixía a lei básica, a " mini-Constitución" do territorio.

“Hong Kong tampouco o fixo ben na educación, especialmente a dos nosos mozos, sobre a historia e a cultura da nosa nación. Tampouco se puido profundar na relación de traballo co Goberno central. Todo contribuíu a unha crise e ao auxe de elementos radicais locais”, proseguiu a líder hongkonesa.

 A nova lei establece penas de ata cadea perpetua para supostos de "secesión, subversión contra o poder estatal (cargo habitualmente usado contra disidentes e críticos do réxime comunista), actividades terroristas e confabulación con forzas estranxeiras para poñer en risco a seguridade nacional". Así mesmo, calquera persoa condenada por algún dos supostos da lei non poderá presentarse como candidato ás eleccións do Consello Lexislativo hongkonés.

Os próximos comicios para elixir os membros deste organismo están previstos para setembro. 

Noticias web

01/07/2020