CRTVG

Buscar

Centos de composteláns sofren as consecuencias dunha sobretensión na rede de Naturgy

Publicado o 30/04/2021 14:12

Dez días con rutinas cotiás perturbadas é o que está a sufrir boa parte da veciñanza do barrio da Almáciga, en Santiago, desde que unha sobretensión na rede de Unión Fenosa Distribución, UFD, deixara inutilizables electrodomésticos necesarios no fogar. A eléctrica do grupo Naturgy asume a súa responsabilidade pero vai con calma para solucionar a desfeita.

Mercedes, veciña do barrio compostelán da Almáciga: "Díxenlle de arranxar, pero responderon que non, que xa mandarán eles uns técnicos. Non apareceu ninguén. Teño a caldeira danada, sen auga quente".

Xesús, tamén veciño do mesmo barrio explica: "Vou á oficina, póñome á cola e cando sae o meu número dinme que Naturgy non ten nada que ver con iso e que Unión Fenosa non ten oficina física, que hai que chamar por teléfono. Pois, chamei tres ou catro veces".

E Xesús segue agardando que vaia o técnico de UFD ou Naturgy. O mesmo que Iria, Mercedes, Jesús, e ducias de veciños máis.

"Pero na nosa fixo un desastre. Se imos avaliar todos os estragos fan falta polo menos dez ou doce mil euros", di Jesús. E Iria di que, tras dez días de avaría, "hoxe véñenme arranxar a caldeira, pero temos que adiantar os cartos. Dinche que despois se che reembolsará, pero non todo o mundo ten os cartos e a quen se lle estragaron máis cousas igual non tes os cartos para arranxalo ti todo". 

Segundo José Luis Rodríguez, tesoureiro da Asociación de veciños Franscisco Asorey: "Son uns douscentos edificios e arredor de 500 familias e ademais da afectación propia hai a comunitaria de automatismos de portas, algún ascensor, todo está por arranxar".

Na Almáciga reclámanlles a Unión Fenosa e Naturgy que repoña ou repare sen máis demora os danos da sobretensión e instan o Goberno municipal compostelán a que lles bote unha man na súa reivindicación.