CRTVG

Buscar

Centos de camións galegos continúan bloqueados polo colapso de Madrid

Publicado o 11/01/2021 14:34

Deixou de nevar, pero centos de camioneiros continúan bloqueados en moitas estradas da rede viaria española, sobre todo na zona centro. Un dos principais problemas despois do paso da borrasca é que os grandes puntos loxísticos de distribución, onde se dirixen moitos dos transportistas, están colapsados, e o acceso a eles é aínda imposible.

Sábeo ben Sergio Varela, un camioneiro de Malpica que está bloqueado co seu camión en San Vicente del Palacio (Valladolid), desde o venres á noite.

"Estamos tirados eu e varios compañeiros... en teoría non se pode entrar na Comunidade de Madrid a cargar nin descargar nin nada", lamenta.

Sergio leva 11 toneladas de peixe fresco para descargar en Mercamadrid, ás que lle calcula 24 horas máis como máximo para que non se perda toda a mercadoría.

"Paréceme penoso que o mercado máis importante de Europa en mercadoría fresca estea pechado", di.

El ten acceso a servizos básicos de hixiene e alimentación na área de servizo onde permanece bloqueado. Pero outros transportistas con produtos de Galicia non tiveron a mesma sorte. Sergio advirte, ademais, de xa están parando compañeiros que veñen de Cerecinos, Villalpando... ao pasar Benavente, e aqui estamos sen ter noticias de nada".

En Arévalo, na provincia de Ávila, en Villacastín, en Segovia, en distintos puntos da provincia de Toledo, mesmo na provincia de Madrid, moitos transportistas procedentes de Galicia continúan bloqueados. En Valdemoro, un dos eixes radiais de entrada á capital onde se concentran as sedes loxísticas de grandes empresas de distribución, moitos seguen á espera de poder descargar a mercadoría. Polo de agora, non hai prazo para que o poidan facer.

 

Noticias web

11/01/2021