CRTVG

Buscar

Celta e Lugo contarán co apoio da afección nos seus partidos na casa

Publicado o 13/05/2021 19:37

O público volve ás bancadas do fútbol profesional. Parte da afección vai poder estar en Balaídos na última xornada para o partido contra o Betis. Un choque con sabor a Europa. A decisión pillou a Coudet descolocado: "Pilláchesme, non te vou mentir. Se é xusto ou non... oxalá volva o público a todos os estadios, é o que podo dicir. Face unha análise de valoración... Déixame pensar, aínda me doe a cabeza", recoñeceu o adestrador do técnico.

Esta mesma fin de semana o Anxo Carro volverá contar coa afección albivermella. Entre 1.500 e 1.700 socios apoiarán ao equipo de Rubén Albés cando está a xogar pola salvación, como apunta Hugo Rama: "Paréceme estupendo, a verdade. Parece que o destino quere que no momento máis complicado da temporada a nosa xente estea connosco"


A situación sanitaria en Galicia permite que haxa público nas últimas xornadas. En Madrid por exemplo teñen que se conformar con apoiar libremente dende o exterior, coma fixeron na vitoria do Atleti no Metropolitano ante a Real. Pero Simeone quere á súa afección de volta no estadio: "O fútbol precisa da xente, polo menos unha pouca xente porque hai moito tempo que non está e o fútbol é da xente. Sen a xente é todo moi triste"

Celta e Lugo queren aproveitar o reencontro coa súa afección para pechar ben a temporada. Porque a ledicia só é real cando é compartida.

Noticias web

13/05/2021