CRTVG

Buscar

Celebran con obradoiros científicos o Día da Muller e da Nena na Ciencia nun colexio de Lugo

Publicado o 12/02/2020 14:15

Os alumnos de infantil e de primaria do colexio de Paradai, en Lugo, participaron nunha serie de obradoiros de temática científica para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Así, no taller de robótica aprenderon os rudimentos das máquinas autómatas, mentres que no de fibra óptica souberon como enviar mensaxes mediante un código con leds.

"Acabamos de terminar de xogar cunhas luces e fixemos código morse". "E aprendemos que hai uha forma máis rápida de desprazar unha mensaxe sen ser a través do WhatsApp".

"Noutro curso, os maiores están traballando coas células, mirándoas a través do microscopio. Noutro grupo están facendo unha carreira de cores, para que vexan como as cores teñen unha substancia que corre dunha maneira ou doutra. Os sentidos, a robótica, enfermería están a traballar tamén con RCP... Estamos a facer moitísimas actividades", explica Marta Castro, directora do CEIP Paradai de Lugo.

A actividade é froito da colaboración entre o grupo de innovación docente do Campus de Lugo, Xuvenciencia, e este centro de ensino. Nos talleres participaron unha trintena de voluntarios procedentes de distintas facultades luguesas, que asesoraron os futuros científicos e científicas.

"Sobre todo voluntarias, que vimos polo Día da Muller e da Nena na Ciencia para mostrarlles un pouco o que é a ciencia con distintos talleres e, sobre todo, para facerlles ver ás nenas que as mulleres somos igual de válidas para facer ciencia", conta Laila Al-Sofi, voluntaria de Xuvenciencia.

"Estivemos facendo experimentos coas plantas. Por exemplo, tiñamos que tapar cunha bolsa unha planta para ver se respiraba". "Aprendemos a colaborar todos xuntos e a descubrir plantas, as árbores, as súas formas e como son".

Foron, en total, 17 obradoiros destinados a espertar a curiosidade científica dos nenos e das nenas e loitar contra os prexuízos e a fenda de xénero no eido das ciencias.

Noticias web

12/02/2020