CRTVG

Buscar

Educación planifica un novo curso coa metade do alumnado nas aulas

Publicado o 04/05/2020 17:47
Educación planifica un novo curso coa metade do alumnado nas aulas

O Ministerio de Educación estuda coas comunidades autónomas como organizar a volta á clase en setembro "gardando as imprescindibles medidas de seguridade sanitaria" no caso de que non poida haber grupos de máis de 15 alumnos por aula. Así o manifestaron fontes de Educación, que explicaron que o ministerio está xa preparando a organización da volta ás aulas en setembro cumprindo as medidas de distanciamento ditadas polas autoridades sanitarias para evitar contaxios pola COVID-19.

A titular de Educación, Isabel Celaá, nunha entrevista concedida ao 'Heraldo de Aragón', sinala este luns que "se non hai vacina, os colexios terán a metade de alumnado nas aulas" e lembra que non hai data concreta para o inicio do curso en setembro, xa que cada comunidade fixa o seu calendario contando con que "teñen que cumprir, como mínimo, os 175 días de escolarización obrigatoria". A comunidade educativa tamén reclamou a Celaá medidas claras e precisas, así como garantías sanitarias, tanto para volver ás aulas durante a desescalada (alumnos de 4º de ESO e 2º de bacharelato, menores de 6 anos e educación especial), como para iniciar o seguinte.

O sindicato CSIF rexeitou un regreso dalgúns alumnos ás aulas este terceiro trimestre de curso, apostou pola volta en setembro e pediu que "se planifique xa con plenas garantías de seguridade e evitando a improvisación". Segundo CSIF, é necesario un plan preventivo e actuacións comúns en todas as comunidades autónomas como requisitos fundamentais para preparar a volta presencial ás aulas, que inclúa "tests masivos, desinfección de centros, cocientes de 12 alumnos por aula, entradas e saídas graduadas e máscaras obrigatorias".

Tamén reclama "a negociación inmediata de medidas que afectan procesos que parece que levarán a cabo de forma presencial, como a matriculación, probas extraordinarias ou probas de acceso á universidade", entre outras. Pola súa banda, o sindicato independente de ensino FSIE urxe a convocar unha reunión da Mesa Sectorial do Ensino Concertado, que leva sen reunirse desde o 19 de decembro de 2018.

FSIE criticou a Educación por "non dialogar, consultar e negociar as medidas que se están aplicando" e reclama a citada reunión por videoconferencia para dar explicacións e aclarar todo o relativo ao final e inicio de curso.

Os docentes, agrupados na central STES, rexeitaron que unha parte minoritaria do alumnado volva ás aulas este último trimestre de curso "durante só catro semanas e despois de máis de dous meses de confinamento" polo "enorme esforzo organizativo e sanitario" que supón. "Cremos sinceramente que toda a enerxía da administración educativa debe estar centrada en ir pensando a xestión do comezo do curso seguinte", advirte STES.

Noticias web

04/05/2020