CRTVG

Buscar

Celaá: "O alumnado maior de 12 anos podería vacinarse a primeira semana de curso"

Publicado o 17/06/2021 11:35
Celaá: "O alumnado maior de 12 anos podería vacinarse a primeira semana de curso"

O ministerio de Educación quere que o alumnado maior de 12 anos comece o curso coa vacina posta. Segundo a responsable do departamento, Isabel Celaá, por unha cuestión loxística, "coa fin de telos a todos reunidos", poderían inmunizarse nos primeiros días de setembro.

Nunha entrevista en Televisión Española, dixo que aínda está sen determinar se a vacinación será nos centros educativos e lembrou, que esta cuestión "lle corresponde ao Ministerio de Sanidade", do mesmo xeito que o uso das máscaras nos centros.

Respecto ás críticas do líder do PP, Pablo Casado, sobre a posibilidade de pasar de curso en secundaria e bacharelato con ata dúas materias suspensas, Celaá negou que estea a baixar a esixencia.

"Non é que esixamos menos, esiximos moitísimo máis, porque esiximos que o alumnado supere todos os obxectivos da etapa", asegurou a ministra. Na súa opinión, hoxe en día estase "a abusar da repetición" e o obxectivo é lograr detección precoz e reforzo para evitar chegar a esa medida.

Ademais, rexeitou que as xuntas de avaliación, das que en último termo vai depender a decisión de pasar ou non de curso, vaian decidir de xeito discrecional ou para mellorar a imaxe do centro.

Aínda que, a continuación, sinalou que, "efectivamente, hai algúns centros educativos que todos coñecemos que aproban máis que outros", unha "diversidade" que se amosa nas probas de acceso á universidade.

Noticias web

17/06/2021