CRTVG

Buscar

Cee, Dumbría e Muxía súmanse aos concellos con restricións especiais na Costa da Morte

Publicado o 28/11/2020 14:40


O comité clínico da Xunta tiña desde o martes en observación especial os concellos de Dumbría e Muxía polo aumento de contaxios. Á vista de que ían a máis, decidiu pechalos desde este sábado xunto ao concello de Cee.
Os tres teñen unha incidencia acumulada superior aos 250 casos por 100.000 habitantes. Muxía sumou nos últimos catorce días 46 contaxios novos; Cee, 26; e Dumbría, 21.
O alcalde de Muxía explicaba que os cribados masivos permitiron poñer ao descuberto a situación. "Estanse descubrindo moitos casos asintomáticos e iso é unha garantía de que imos baixar dunha forma máis pronunciada".
Os veciños só poden moverse entre os tres concellos, as reunións sociais están limitadas a persoas que vivan xuntas, e bares e restaurantes tiveron que pechar ao público. Nada máis poden abrir os que fagan comidas para levar.
En Muxía decidiron, ademais, pechar a biblioteca, o ximnasio, os parques infantís e extremar a limpeza, como medidas complementarias.
Na rúa recollemos peticións para que se fagan máis probas e chamadas á responsabilidade individual.
Co paso destes tres concellos ao nivel tres, na Costa da Morte só quedan fóra das restricións especiais media ducia de municipios, entre eles Camariñas e Fisterra.

Noticias web

28/11/2020