CRTVG

Buscar

CCOO e UXT avisan de que seguirán concentrándose como "unha maldición bíblica"

Publicado o 12/04/2021 16:35

O golpe da pandemia na economía está a atrasar reformas que para os sindicatos son urxentes. UXT e Comisións Obreiras din que seguirán mobilizándose ata que se cumpran as promesas do Goberno. Hoxe concentráronse en 50 cidades españolas.

Diante do Ministerio de Asuntos Económicos, as forzas sindicais piden ao Goberno que os compromisos e promesas se reflictan no Boletín Oficial do Estado. As reclamacións xa son vellas, dende antes da pandemia: suba do salario mínimo e derrogación da reforma laboral e a das pensións. Medidas, din os sindicatos, que afectan aos cidadáns e por iso esixen ao Goberno que cumpra coa axenda social e se retomen as mesas de negociación. Os responsables dos dous sindicatos anunciaron que as mobilizacións continuarán "como unha maldición bíblica".

Houbo concentracións tamén en Galicia. Na Coruña, diante da delegación do Goberno, os sindicatos pedían medidas distintas para saír da crise sen fundir a clase traballadora. Esixen un novo marco laboral, diferente ao actual, que se adapte ás novas realidades. Á concentración sumáronse traballadores da refinería de Repsol afectados por un ERTE anunciado a semana pasada. 

Noticias web

12/04/2021