CRTVG

Buscar

Catro xeracións nunha casa de Navia de Suarna, onde as restricións se ven doutro xeito

Publicado o 04/02/2021 15:02

Hoxe estivemos nunha casa dos Ancares, en Navia de Suarna, onde conviven en harmonía familiares de ata catro xeracións distintas. No seu caso, as restricións de mobilidade e interacción social vense doutro xeito.

Adentrámonos na casa dos Chao, onde xuntos conviven 10 persoas. Aquí a vida funciona a diversos tempos e os máis madrugadores son os máis pequenos. Eles e os seus pais foron os últimos en establecerse aquí hai uns meses. Vivían en Lugo e a covid motivou a súa volta ao rural, o que supuxo un cambio de vida.

"Estar nunha casa con dez cuartos, tres baños, un salón que case é coma o meu piso de Lugo, o cambio é enorme", Leticia Mon.

O cambio foi grande. Eric, de 10 anos, pasou de ir a un colexio con 300 alumnos a un con 30, pero está encantado de vivir na aldea e rodeado da familia.

"Prefiro estar aqui, porque estamos máis e é unha casa máis grande e estamos ao aire libre", Eric Digón.

A maior da casa é Ester, a bisavoa, que ten 86 anos, e o máis pequeno Mael, que vai para os 3. Uns e outros, xuntos cuns bisavós tíos suman un total de 10 persoas de 4 xeracións diferentes, e a que organiza esta casa tan grande é Marifé.

"Lavas, tendes, secas, a comida tes que organizarte para pequenos e maiores, pero é doado, porque e simplemente unha familia. Aquí nunca te aburres", Marifé Pérez.

Aquí todo xira arredor dunha economía de autoconsumo, grazas ás matanzas e á horta. Isto, sumado á colaboración de todos, dá lugar a unha feliz gran familia que aposta polo rural.

Noticias web

04/02/2021