CRTVG

Buscar

Unha muller continúa ingresada tras o incendio da noite pasada en Barreiros

Publicado o 16/10/2019 10:31

Unha muller de 72 anos de idade permanece ingresada no hospital de Burela logo do incendio que se declarou no seu piso deste edificio de Barreiros. O lume comezou de madrugada na cociña da vivenda e só a rápida intervención dos bombeiros evitou que se espallara por todo o inmoble. Os equipos de extinción evacuaron as trece persoas que viven nos pisos, tres da cales tamén tiveron que recibir asistencia médica. A muller máis afectada está en observación para determinar se o fume lle causou algún tipo de lesión cerebral.

"O meu pai está ben, pero pola miña nai temos que esperar. Estanlle poñendo osíxeno e nas vindeiras horas saberemos algo máis. Pode que teña algunha lesión, pero tampouco nos din moito".

"Danos sobre todo polo fume e a cinza. Ao final foron trece persoas evacuadas. A vítima foi na UVI móbil para o Hospital da Costa e outras tres persoas foron atendidas por intoxicación de fume".

A Garda Civil mantivo precintado o edificio ata que os bombeiros certificaron mediante medicións que os gases no inmoble non eran nocivos para a saúde. Agora xa se están a investigar as causas polas que comezou o incendio, pero as primeiras hipóteses apuntan a un curtocircuíto na neveira da cociña do piso da muller hospitalizada. O seu fillo contou que, por fortuna, o pai espertou co ruído do lume e puido dar a alerta do que acontecía e sacar a muller da cociña.

"Estaban durmindo e o meu pai sentiu uns ruídos. Rapidamente colleu a miña nai e tirou dela para saír. Pero a miña nai quixo volver entrar, non sabemos por que".

Os veciños evacuados tiveron que pasar a noite en casas de familiares e en dependencias habilitadas polo Concello. Agora xa están a regresar aos pisos para comprobar os danos que se produciron nas súas vivendas por causa do intenso fume.